O próximo 31 de agosto preséntase na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela “Marisco de A Illa, Tradición Saudable” desenvolvida pola Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP20)

A campaña ten como finalidade a promoción do consumo de marisco da Illa de Arousa, extraído pola OPP20, a través da colaboración cos seus clientes principais, o sector da restauración, promovendo o turismo gastronómico en Galicia en base á tradición e á saúde asociadas ó noso produto.

O marisqueo é parte da historia da Galicia costeira, parte da súa tradición. A Illa de Arousa, enclave marítimo de fermosa paisaxe, agocha nos seus areais e nas súas augas o manxar galego por excelencia: marisco; que é fonte de iodo, ten un alto contido en ferro e posúe proteínas de alto valor biolóxico. Isto unido á súa doada dixestión e á baixa porcentaxe de graxas que contén, fai del un compoñente ideal nunha dieta saudable.

Elixíronse tres produtos característicos da OPP, como son a ameixa rubia, a ameixa babosa e o camarón, para os cales cada un dos profesionais da restauración colaboradores aportou unha receita que se poden atopar na web da campaña: http://opp20.com/marisco-de-a-illa e tamén dun folleto que será repartido en mercados en oficinas de turismo a nivel autonómico, tras a súa presentación este próximo luns 31 de agosto.

Participan nesta iniciativa os seguintes restaurantes: Mercamaris, Marisquería Ríos, Cantina do Gaiás, Mar de Crebas, A Barrola, Gastrolab Arousa, Beiramar, Veiramar, O Bioco, O Tuno, A Meca, Brasería A Salga, Chiringuito de praia Coco Bao, Campos, Paprica, Brasería Canedo, Os Cachivaches, Pingallo, Gastro-Bar Sanmiguel, O Barazal.

Ó mesmo tempo elaboráronse dous vídeos que de forma moi clara expoñen ambos aspectos do marisco da OPP20, sendo cara visible da visión saudable do produto a nutricionista e dietista Lidia Folgar, dispoñibles na tamén na web da campaña.

O próximo 31 de agosto, no Auditorio 1 do Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, farase presentación oficial da campaña, onde se visualizarán ambos vídeos e se presentarán o folleto e a web da campaña.

A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurará de forma oficial o acto acompañando ó presidente da OPP20, Juan José Rial Millán, que tamén contará coa presenza de representantes do Concello de Santiago e da Illa de Arousa, de Portos de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

Representantes do sector, incluíndo as diferentes federacións provinciais, autonómica e nacional de Confradías, foron convidados a asitir xunto a representantes da restauración e do turismo de Galicia.

Esta iniciativa está enmarcada no PPeC 2020 da OPP20, cofinanciada polo FEMP e pola Xunta de Galicia.