Unha das ameazas da nosa Organización de Produtores de Marisco e Cultivos mariños ( OPP-20) no noso Plan de Comercialización e Produción para 2020, fai referencia ao elevado nivel de furtivismo que afecta o sector, tanto o xerado por bandas organizadas, como o desenvolvido por un alto número de turistas dos que visitan as praias da Illa de Arousa durante o verán.

Estas actividades esquilman os bancos marisqueiros, o que prexudica gravemente a economía dos asociados da organización ademais de comprometer a sustentabilidade da contorna polo que como medida de control e tamén disuasoria dende a OPP-20 realizouse un estudo para valorar a vixianza dos bancos marisqueiros mediante o emprego de drons. Estes dispositivos poden chegar a zonas menos accesibles e complementar o traballo dos servizos de vixilancia achegando ademais material gráfico que permite a identificación deses furtivos, matrícula dos barcos e do propio produto en cuestión ademais de rexistrar a hora e o lugar exactos. Ademais, os drons son máis silenciosos que unha lancha, máis rápidos e menos intrusivos co infractor e, tal e como se comenta previamente, permiten gravar ou fotografar para enviar probas á Garda Civil. Axudan a manter o factor sorpresa fronte ao infractor e poder recoller probas da súa pesca ilegal.

O estudo realizado avaliou a viabilidade técnica e financeira da Organización para adquirir un dron e formar persoal propio para o seu manexo complementando o labor do servizo de vixilancia, especialmente naquelas zonas que supoñen un acceso máis complicado ou épocas dunha maior actividade ilegal, determinando que a compra dun dron de vixianza por parte da organización é viable e recomendable.

default