O Nadal en Galicia non se entende sen marisco nas nosas mesas. Moitas desas delicias chegan ós fogares de galegas e galegos grazas ó traballo das mariscadoras e mariscadores da OPP20.

Camaróns, nécoras, ameixas de todo tipo e berberecho son ingredientes estrela de infinidade de pratos a degustar nunhas datas tan familiares, que este ano serán estranas debido á situación de pandemia pola COVID19. As familias non poderán reunirse coma en anos anteriores, pero o marisco de A Illa poderá deleitar os seus padais para facerlles máis levadeira a ausencia de quen non poida estar.

Decembro é un mes moi importante para a OPP20, pois o marisco acada prezos que non se acadan noutras épocas do ano, facendo así máis rentable a actividade. Neste 2020 este mes é de vital importancia, para poder facer fronte ás perdas ocasionadas polos efectos derivados da COVID19.

Así, o Marisco de A Illa acadou neste mes prezos acordes á alta calidade que posúe e ó esforzo polo seu coidado que levan a cabo as nosas mariscadoras e mariscadores ó longo do ano. A ameixa babosa acadou os 30€/kg mentres que a fina acadou os 58€/kg. O camarón, pola súa parte, acadou prezos de 133€/kg.

Durante a nosa campaña de promoción “Marisco de A Illa, tradición saudable” a nutricionista Lidia Folgar resaltou que o marisco de A Illa é fonte de iodo, ten un alto contido en ferro e posúe proteínas de alto valor biolóxico. Isto unido á súa doada dixestión e á baixa porcentaxe de graxas que contén, fai del un compoñente ideal nunha dieta saudable. Ademais falou dos falsos mitos, coma o de que o marisco é malo para o colesterol ou para o ácido úrico.

Por último, queremos animarvos a cociñar Marisco de A Illa nos vosos fogares, coa garantía de ter adquirido un produto procedente dunha actividade sostible e respetuosa co medio ambiente, ademais dun manxar digno de deuses. Na nosa campaña #MariscodeAIlla #TradiciónSaudablecos podedes atopar infinidade de receitas con ameixas e camaróns: http://opp20.com/marisco-de-a-illa-receitas

A OPP20 deséxavos unhas felices festas e un 2021 cargado de soños cumpridos e moito marisco para unha vida longa e saudable!