Como parte do seu Plan de Produción e Comercialización 2021, a OPP20 adquiriu unha nova máquina clasificadora para a ameixa fina dando así continuidade á mellora da clasificación en lonxa do produto marisqueiro.

Xa no 2020 a OPP20 instalou dúas novas clasificadoras para a ameixa xapónica e babosa que emprega a vibración para separar os distintos tamaños de ameixa asegurando que o marisco cumpre coa talla mínima. No caso da ameixa fina, ao ser unha especie moi delicada e de tanto valor, esta separábase a man polo que este ano a OPP20 adquiriu unha clasificadora de rodetes que permite reducir o máximo posible situacións de estrés na ameixa fina. O novo sistema de clasificación permite a mellora da trazabilidade xa que permite identificar mellor o recurso por tamaños e etiquetar debidamente para o comprador final ademais de axudar a mellorar as condicións da comercialización pois as clasificadoras preservan a calidade do recurso.

A máquina comezará a probarse coa ameixa fina que, a partir da próxima semana, extraerán os mariscadores a flote dunha zona na que abunda esta especie. Será a proba piloto, que se quere estender canto antes ao conxunto da fina que entre na lonxa. Dese xeito preténdese alixeirar o proceso de selección e evitar sorpresas a quen compra na lonxa o que acabará redundando positivamente nos prezos.