A pesar de vivir rodeados polo mar, na Illa de Arousa non todos os/as nenos/as coñecen a realidade do traballo na ribeira na lonxa e nos peiraos. Por iso dende o CEIP Torre – Illa co apoio da OPP20 púxose en marcha unha iniciativa ca cal os cativos poidan aprender dunha maneira práctica e divertida as distintas especies de ameixas e a importancia do marisqueo.

A OPP20 e a Confraría de pescadores cederon ás aulas de sexto curso unha parceliña no mar, na praia de Riasón, un pequeno viveiro onde o pasado luns sementaron ameixa. A partir de agora serán eles os encargados de coidar dese marisco, limparlle as algas, espantar aos depredadores, e ao mesmo tempo aprender a respectar un traballo que teñen moi preto pero que moitos descoñecen.

Coidando a súa pequena parceliña non só aprenderán sobre o marisqueo senón tamén outras materias como a bioloxía ou as matemáticas.