Hoxe o proxecto SENSIMAR, sobre sensibilización ambiental de zonas marisqueiras, aterrizou na lonxa do Xufre para axudar ó sector marisqueiro a sensibilizar ós máis pequenos sobre a importancia do coidado do medio mariño costeiro.

SENSIMAR foi un proxecto ideado por FUNDAMAR, a Fundación para la Pesca y el Marisqueo, co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en 2020.

A OPP20 decidiu poñer en marcha este proxecto para os seus mariscadores e mariscadoras co obxecto de aumentar a sensibilización medioambiental e fomentar a conciencia ecolóxica entres os mariscadores e mariscadoras de A Illa e entre os escolares do entorno, respecto ós impactos da actividade do ser humano no medio mariño e a importancia da protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas costeiros.

Para cumprir este obxectivo, varias mariscadoras e mariscadores pertencentes á OPP20 véñense formando nos últimos meses para impartir charlas a escolares sobre os usos compartidos do medio mariño por unha banda, destacando a actividade marisqueira como sostible e que respecta e axuda a manter a biodiversidade. Por outra banda, sobre os factores de risco para a actividade marisqueira (a contaminación, o cambio climático, o furtivismo ou os parasitos, son algúns exemplos) e como contribuír a minimizalos ou eliminalos entre todos.

Hoxe, o centro de ensinanza pública Torre de A Illa visitou a lonxa do Xufre cos seus cursos de 5º e 6º de primaria para recibir esa charla dos profesionais do mar da OPP20, así como material para seguir traballando na aula e nas súas casas: un mapa con adhesivos para coñecer a variedade de usos no medio mariño de A Illa, así como un xogo de cartas para aprender sobre os impactos negativos no marisqueo e como podemos solucionalos.

Maiores e pequenos pasaron unha animada mañá poñendo en valor o marisqueo e o coidado do medio ambiente en xeral, pero particularmente o medio mariño.

Colaboran coa OPP20 nesta iniciativa FUNDAMAR, como idearia do proxecto, e INXENIA, consultora que desenvolveu o material de apoio na sensibilización.

Esta iniciativa está enmarcada no PPeC 2021 da OPP20, cofinanciada polo FEMP e pola Xunta de Galicia.