Co obxectivo de mellorar as condicións de comercialización do marisco de A Illa mediante a preservación da calidade dos seus produtos, a OPP20 puxo en marcha a mellora do illamento térmico da zona de venda da lonxa protexendo o marisco das temperaturas externas.

O verán en A Illa deixa no interior da lonxa temperaturas moi elevadas, acadando incluso os 37 graos. Esta calor, aumentada polo asfalto que rodea o edificio e pola súa cuberta da chapa, fai que o marisco se someta a un estrés térmico que pode mermar a súa calidade. Por elo, estes días estase a completar o traballo de recubrimento con paneis de material illante no tellado da lonxa que vai impedir que a estrutura requente como ven ocorrendo ata agora

Rebaixar as elevadas temperaturas que se rexistran na sala de poxas durante o verán non só mellorará as condicións de conservación dos produtos que alí se comercializan, senón que fará máis levadía a estación tanto para os produtores como para quen acode a comprar.

Esta actuación encádrase na liña de promoción da mellora das condicións de comercialización dos produtos do Plan de Produción e Comercialización da OPP-20.