A grave emerxencia de saúde pública que estamos a vivir na actualidade ten enormes consecuencias para os cidadáns, a sociedade e a economía. Así, estamos a ver como se limitou a produción de moitas empresas, afectou aos mercados e influíu na baixada de prezo do petróleo. Neste contexto, o sector da pesca non queda atrás e se está vendo afectado, por entre outras razóns, pola interrupción do mercado. Por iso, a DGMARE da Unión Europea, publicou unha nota informativa, dirixida aos estados membros, sobre as posibles axudas dispoñibles de inmediato e que poden utilizarse sen demora, xa sexa de conformidade coas normas actuais do FEMP ou co novo marco de axudas estatais adoptado pola Comisión o 19 de marzo de 2020. Tamén informa sobre as medidas, que estarán dispoñibles unha vez que os colexisladores adopten o paquete de resposta a emerxencias de Coronavirus proposto pola Comisión Europea o 13 de marzo de 2020 como unha resposta europea inmediata para mitigar o impacto socioeconómico do brote. Nesa mesma nota informativa indícase que, a Comisión Europea está actualmente en contacto cos sectores da pesca, a acuicultura e a transformación, así como coas autoridades dos Estados membros e o Parlamento Europeo, para buscar con urxencia ferramentas de apoio máis eficaces. En resposta a esta nota informativa a OPP-20, xunto con outras organizacións de produtores, remitiron unha carta ás administracións nacionais e rexionais competentes co obxecto de que atendan as medidas trasladadas dende a DG Mare (pago de anticipos, acurtamento dos atrasos nos pagos, incremento do nivel de apoio aos PPeC, incremento de intensidade da axuda ás OPP, etc.). Para máis información: prema aquí.