O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este luns a convocatoria das axudas do Goberno ao sector da pesca e acuicultura para paliar a perdas económicas como consecuencia do coronavirus.

A convocatoria tomará en conta para o apoio a pescadores, armadores e organizacións de produtores da pesca e da acuicultura o período comprendido entre o 16 de marzo e o 15 de xullo de 2020, co fin de compensar a paralización de actividade ou a baixada de facturación pola pandemia, a causa do peche da hostalería.

A normativa inclúe un incremento do limiar de axuda aos investimentos das organizacións de produtores de pesca e da acuicultura, do 3 % actual ao 12 % e posibilita que poidan utilizar o mecanismo de almacenamento para paliar os problemas de mercado debido á pandemia. Neste último caso, os limiares pasan do 15 ao 25% para as cantidades almacenadas e a porcentaxe da axuda máxima para este concepto aumenta do 2 ao 20%.