MARISCOS
de marisqueo responsable e sostible
AMEIXA FINA
É a ameixa máis apreciada e de máis alto valor polo seu intenso sabor, textura, e pola súa doada manipulación. Ten un espléndido sabor tanto ao natural como á prancha. As ameixas son capturadas de maneira artesanal e a súa mellor época son os meses de xullo e agosto; e novembro e dedembro.
AMEIXA BABOSA
Normalmente máis pequena que a ameixa fina e más alongada. É doado de recoñecer de acordo coa súa morfoloxía externa, máis cadrada. Só se lle marcan as estrías lonxitudinais (as concéntricas) e non as radiais, ao contrario que a ameixa fina. O seu sabor e textura é moi similar á ameixa fina e admite os mesmos tipos de presentación.
AMEIXA XAPÓNICA
A diferenza da ameixa fina ten as súas liñas moi marcadas, formando cuadrículas ao cruzarse. A súa cor varía entre tostado, gris e negro. A ameixa xapónica non é autóctona de Galicia, pero o seu cultivo está moi estendido na nosa comunidade grazas ao seu rápido crecemento.

Ameixa fina, Ameixa xapónica e Ameixa babosa
AMEIXA BICUDA
Caracterízase por ser de cor branca ou amarelada e con frecuencia presenta manchas irregulares. As súas liñas concéntricas case non se aprecian e o seu tamaño é xeralmente menor que o doutras ameixas. Tamén é coñecida como ameixa dourada e en ocasións adoitamos atopala mesturada coa ameixa fina e a ameixa babosa, por posuír con estas unha gran similitude.
CARNEIRO
Tamén chamado escupiña, aseméllase a primeira vista ao berberecho. Caracterízase polo seu gran tamaño. A súa cuncha é moi grosa, e as súas estrías concéntricas moi pronunciadas. Xeralmente, a súa cor é parda.
RELOJITO
Caracterízase pola súa forma case circular con marcadas estrías concéntricas na súa cuncha. É de cor branca crema e posúe unhas pequenas bandas en zigzag de tonalidade máis escura. A súa carne é máis dura que a da ameixa.
BERBERECHO
A súa cuncha é bombeada, fonda e ovalada, e de cor branca ou branca e marrón, con tons agrisados e manchas pardas. É unha especie de crecemento rápido e vida curta.

Carneiro ou Escupiña e Berberecho

Camarón común
CAMARÓN
O seu corpo é comprimido e cunha coraza pouco consistente. A súa cola é moi prolongada respecto ao corpo, e a súa cor é agrisada ou transparente con bandas escuras no abdome que delimitan os segmentos nos que se divide o seu corpo.