A principios deste mes de maio as mariscadoras e mariscadores da OPP-20 de A Illa comenzaron a desescalada da súa actividade. Na primeira semana houbo unha alternacia entre as modalidades de a pé e a flote para non colapsar o mercado, pero despois xa se comezou a traballar coa frecuencia anterior ó decreto do estado de alarma polo COVID-19.

Debido a este último feito, a convivencia co estado de alarma polo COVID-19, o noso persoal tivo que equiparse cos Equipos de Protección Persoal (EPIs) pertinentes, e respectar as recomendacións establecidas polos grupos expertos da administración en canto á hixiene e a manter a distancia de aproximadamente dous metros entre traballadores e traballadoras, sobre todo en lonxa por ser un lugar cuberto, pero tamén no lugar de extracción. Así, dende a OPP estanse entregando mascarillas nos puntos de control e na lonxa, así como nas nosas oficinas, e na lonxa proporciónase a todo usuario e usuaria xabón e auga para desinfectar as mans, ademais de asegurarnos de que se utilizan ámbalas dúas cousas e de que se gardan as distancias de seguridade.
Sen embargo, a actividade na lonxa está a un 30 ou 40% do habitual, xa que o mercado actual (orientado a cliente final) non consumen marisco de calidade, que é a principal característica do noso produto. O único que algún supermercados ou peixarías adquiren é ameixa xaponesa por ser a que ten un prezo menor. Os productos de calidade que normalmente acadan en lonxa uns prezos maiores coma o camarón, navalla, babosa ou ameixas roxa e fina estanse comercializando en pouca cantidade xa que tiñan como principal destinatario o sector da restauración que actualmente está parado ou case parado.

Isto unido a que o principal banco marisqueiro de ameixa xapónica, Lombos do Ulla, pechou a mediados de mes, fai que a situación sexa insostible e que a OPP estea agardando con impaciencia que a desescalada funcione correctamente e os restaurantes e hoteis poidan de novo abrir as súas portas aínda que sexa nunha porcentaxe de ocupación. Disto depende que os ingresos dos nosos asociados e asociadas poidan volver a ser dignos, e que o persoal da OPP poida volver na súa totalidade ó traballo, xa que actualmente se atopan nun ERTE.