A Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP20) participou este venres, 20 de novembro, no XXVII Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2026, celebrado en Ourense, para achegar aos consumidores o proceso de trazabilidade dos produtos do mar da Illa de Arousa.
A actividade desenvolveuse na Aula de Catas do Mar de Galicia, dentro do programa «Galicia Sabe Amar», e combinou a presentación dun folleto divulgativo sobre trazabilidade cun showcooking e degustación de ameixa rubia a cargo do chef Marcos Arufe, do restaurante Remollo, de Ames (A Coruña).
Do noso mar á túa mesa: coñecer a orixe dos produtos
Baixo a mensaxe «Do noso mar á túa mesa», a OPP20 presentou un folleto informativo destinado a explicar aos consumidores como se recollen, controlan, identifican e comercializan os produtos marisqueiros da Illa de Arousa.
O material recolle as principais modalidades de extracción utilizadas polos profesionais do sector, como o marisqueo a pé, o marisqueo a flote, o mergullo con subministración de aire e a captura con nasas.
Tamén explica as diferentes etapas que permiten garantir a trazabilidade dos produtos, desde a súa extracción ata a primeira venda na Lonxa do Xufre.
Este proceso comeza cos controis realizados no propio lugar de extracción, onde se comproba o cumprimento das tallas mínimas e das cantidades autorizadas. Posteriormente, na lonxa, realízase unha segunda comprobación das tallas, antes de proceder á pesaxe, clasificación, identificación e etiquetaxe dos lotes.
Deste xeito, cada produto conserva a información necesaria para coñecer a súa procedencia e seguir o seu percorrido comercial.
O folleto tamén dá a coñecer a diversidade de produtos da OPP20, entre os que se atopan moluscos, crustáceos e algas, e pon en valor o traballo das persoas que participan na súa extracción e comercialización.
A ameixa rubia da Illa de Arousa, protagonista en Xantar
A presentación da acción divulgativa completouse cun showcooking e degustación de ameixa rubia da Illa de Arousa, no marco da actividade «De toma pan y moja», incluída no programa «Galicia Sabe Amar» e desenvolvida coa colaboración da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.
O chef Marcos Arufe, do restaurante Remollo, elaborou dúas receitas con este produto: clam chowder, unha sopa de ameixas, e ameixas á bilbaína.
A degustación permitiu amosar as posibilidades gastronómicas da ameixa rubia e complementar a información sobre a súa procedencia, os controis aos que está sometida e o proceso de comercialización.
A OPP20 continúa achegando a trazabilidade aos consumidores

A participación en Xantar forma parte das actuacións que a OPP20 desenvolve para mellorar o coñecemento dos consumidores sobre os produtos do mar da Illa de Arousa.
Entre estas iniciativas destacan a publicación semanal nas redes sociais de información sobre os produtos que chegan á Lonxa do Xufre e a publicación mensual na páxina web da organización de artigos divulgativos relacionados coa trazabilidade, a procedencia e a comercialización dos produtos marisqueiros.
Estas accións permiten achegar a actividade do sector á cidadanía, facilitar información sobre os produtos que consume e poñer en valor o traballo dos profesionais do mar.
A presentación realizada en Xantar enmárcase na medida «Acción de información aos consumidores para contribuír á trazabilidade dos produtos da OPP», incluída no Plan de Produción e Comercialización (PPeC) 2026 da OPP20. Esta actuación está cofinanciada pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) da Unión Europea.
