A evolución das vendas na lonxa do Xufre durante o primeiro semestre de 2026 reflicte con claridade como as condicións ambientais e a estacionalidade dos recursos condicionan a actividade marisqueira na Illa de Arousa. Tras un inicio de ano no que o marisqueo a pé mantivo unha importante presenza grazas ás capturas de ameixa xaponesa, ameixa fina e ameixa babosa durante xaneiro e as primeiras semanas de febreiro, a intensa sucesión de episodios de choiva alterou a salinidade das augas e obrigou á paralización da actividade extractiva nos bancos marisqueiros.
Esta situación traduciuse nun descenso moi acusado das vendas de bivalvos durante os meses de marzo e abril. Nese período, a actividade da lonxa sostívose fundamentalmente grazas á campaña das algas, que volveron demostrar a súa importancia como recurso complementario para o sector marisqueiro da Illa de Arousa.
Durante marzo comercializáronse máis de 48 toneladas de produtos do mar, das que máis de 42 toneladas corresponderon ás distintas especies de algas. En abril, a tendencia mantívose, superándose as 84 toneladas comercializadas, das que máis de 83 toneladas foron tamén algas. O wakame continuou sendo a principal especie en volume, acompañado pola leituga de mar, a correa, o kombu e o ramallo de mar, consolidando unha actividade que nos últimos anos adquiriu un papel cada vez máis relevante dentro da produción da OPP20.
A situación comezou a cambiar a partir de maio coa reapertura progresiva do marisqueo a flote e a volta á comercialización dos principais bivalvos. A ameixa rubia converteuse na especie protagonista desta recuperación, pasando de 1.616,90 quilogramos vendidos en maio a 7.032,20 quilogramos en xuño. Tamén aumentaron de forma significativa as vendas de carneiro, relo e berberecho, reflectindo a recuperación da actividade extractiva tras varios meses especialmente complicados para o sector.
Xunto aos bivalvos, o camarón continuou destacando como unha das especies de maior valor económico da lonxa, mentres que as algas seguiron mantendo un importante peso nas vendas, demostrando unha vez máis o seu valor como recurso complementario e estratéxico para os profesionais do mar da Illa de Arousa.
No conxunto do primeiro semestre de 2026 comercializáronse na lonxa do Xufre 328.064,10 quilogramos de produtos do mar por un valor de 753.968,61 euros. Mentres o primeiro trimestre estivo fortemente condicionado polas consecuencias das choivas e pechouse con algo máis de 59 toneladas comercializadas, o segundo trimestre alcanzou preto de 269 toneladas, impulsado pola campaña das algas e pola recuperación do marisqueo a flote.

Na actualidade, o marisqueo a pé permanece temporalmente parado ao estar acollido ao Plan de restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira impulsado pola Consellería do Mar, unha medida orientada á recuperación dos bancos marisqueiros e á mellora das condicións das zonas de produción. Neste contexto, a trazabilidade continúa sendo unha ferramenta esencial para ofrecer ao consumidor produtos de proximidade con todas as garantías de orixe, calidade e transparencia, permitindo coñecer o percorrido dos produtos desde a súa extracción ata a súa comercialización.
Esta actuación forma parte da medida de trazabilidade e información ao consumidor do Plan de Produción e Comercialización 2026 da OPP20, cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
