A reapertura da campaña permite volver comercializar un dos crustáceos máis apreciados de Galicia baixo un modelo de explotación sustentable
A nécora (Necora puber) volve esta semana á Lonxa do Xufre tras o remate da veda biolóxica establecida pola Xunta de Galicia, recuperando así a súa presenza nos mercados galegos despois de seis meses nos que a súa captura permaneceu prohibida para favorecer a reprodución e a conservación da especie. O Plan Xeral de Explotación Marisqueira establece, para o período 2024-2026, que a campaña da nécora se desenvolve do 1 de xullo ao 31 de decembro, ademais dos primeiros cinco días de xaneiro.

Considerada un dos crustáceos máis valorados da gastronomía galega, a nécora habita fondos rochosos e zonas costeiras pouco profundas, onde desenvolve un papel importante no equilibrio dos ecosistemas mariños. En Galicia, a súa captura realízase principalmente mediante nasas, unha arte tradicional e selectiva que permite minimizar o impacto sobre outras especies e contribuír á sustentabilidade da actividade pesqueira.
A veda biolóxica constitúe unha ferramenta esencial para garantir a renovación das poboacións. Durante este período suspéndese a extracción para permitir que os exemplares completen o seu ciclo reprodutivo e alcancen tallas adecuadas, asegurando así a continuidade do recurso e a viabilidade económica da actividade pesqueira a longo prazo.
Co inicio da campaña, a nécora regresa ás lonxas galegas acompañada dun completo sistema de trazabilidade, que garante a identificación da súa orixe, a zona de captura e o cumprimento da normativa vixente desde o momento da extracción ata a súa comercialización. Este control permite ofrecer ás persoas consumidoras un produto fresco, seguro e capturado de forma responsable.
Na Lonxa do Xufre, a incorporación da nécora amplía a oferta de produtos do mar dispoñibles nesta época do ano, sumándose ás distintas especies de bivalvos, ao camarón e ás algas mariñas comercializadas pola OPP20.
A través desta acción divulgativa, integrada no Plan de Produción e Comercialización (PPeC) 2026 da OPP20, a entidade continúa promovendo o coñecemento sobre as especies comercializadas, a importancia da trazabilidade e a xestión sustentable dos recursos mariños. Esta actuación forma parte dun plan cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
