Este mes de maio comezaron as primeiras actividades de posta en valor do oficio marisqueiro organizadas pola OPP20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización 2025. Estas accións teñen como obxectivo achegar á cidadanía, especialmente á xente nova, o coñecemento directo do traballo das mariscadoras e do medio mariño da Illa de Arousa.
As primeiras visitas realizáronse co IES A Xunqueira e co CEIP A Igrexa – Calo, marcando o inicio dunha programación que se prolongará durante todo o ano.
Actividades dispoñibles para todos os públicos
A OPP20 ofrece tres tipos de actividades divulgativas e educativas, pensadas para centros escolares, entidades sociais e público xeral:
Visitas guiadas á aula “O Canto do Mar”
Todo o ano
Percorrido pola exposición interactiva, proxección de vídeos, realidade virtual con lentes 3D e visita ao acuario.
Roteiros guiados polo oficio marisqueiro
Do 15 de xuño ao 15 de setembro (mércores e venres)
Percorrido pola lonxa, porto do Xufre e praia, con explicacións de mariscadoras sobre o proceso de extracción, poxa e trazabilidade.
Talleres a pé de praia para a cativada
Durante xullo e agosto
Actividades prácticas para nenos e nenas en colaboración con ludotecas, campus e campamentos de verán do concello.
As primeiras visitas
-
O IES A Xunqueira participou nun roteiro polo porto e lonxa do Xufre, seguido dunha visita á aula O Canto do Mar, onde viviron unha experiencia inmersiva sobre o oficio marisqueiro.
-
O CEIP A Igrexa – Calo fixo un percorrido adaptado ao seu nivel educativo, combinando lonxa, porto e aula, con gran interese e participación.

Un mar que se coñece, valórase
Estas accións permiten recoñecer o papel fundamental das mariscadoras, difundir o valor social, ambiental e económico do marisqueo artesanal, e poñer en valor o patrimonio mariñeiro da Illa de Arousa.
Compartiremos as visitas nas redes sociais da OPP20.
Máis info e reservas: opp20.com/actividades-de-posta-en-valor-do-oficio
