Escolares do CEIP Torre Illa participan xunto a mariscadoras e persoal da OPP20 en actividades de educación ambiental nos bancos de Cabodeiro e Sapeira
Con motivo do Día Mundial dos Océanos, a Organización de Produtores Pesqueiros OPP20 – Marisco de A Illa continúa impulsando actividades de educación ambiental e posta en valor do oficio entre as novas xeracións, achegando ao alumnado a realidade do marisqueo e a importancia do coidado do medio mariño.
Como cada ano, dentro da medida de posta en valor do oficio do Plan de Produción e Comercialización (PPeC) 2026, a entidade desenvolve actividades dirixidas á comunidade escolar para sensibilizar sobre a conservación do litoral e dar a coñecer o traballo diario das profesionais do mar.
Durante o martes, mércores e xoves da pasada semana, alumnado de 1º, 5º e 6º de Primaria do CEIP Torre Illa participou en diferentes xornadas prácticas xunto a mariscadoras e persoal técnico da OPP20, coñecendo de primeira man as labores de limpeza e rexeneración dos bancos marisqueiros de Cabodeiro e Sapeira.

A través dunha metodoloxía participativa e adaptada ás distintas idades, os escolares puideron comprender a importancia de manter os areais en bo estado, coñecer os traballos que se realizan para favorecer a recuperación dos bancos marisqueiros e descubrir o valor ambiental e económico destes espazos para A Illa de Arousa.
Máis alá da actividade práctica, a iniciativa busca tamén transmitir coñecementos tradicionais, fomentar o respecto polo medio mariño e poñer en valor o oficio das mariscadoras, fundamentais para a conservación e sustentabilidade dos recursos mariños.
Nun contexto de crecente impacto do quentamento global e do cambio climático sobre os ecosistemas costeiros, estas actividades de limpeza e rexeneración dos bancos marisqueiros convértense nunha ferramenta indispensable para contribuír ao bo estado ambiental do litoral, esencial para a sociedade e clave para garantir a sustentabilidade da actividade marisqueira no futuro.
A próxima semana, a actividade continuará coa participación do resto de cursos do centro educativo, ampliando así o alcance desta acción divulgativa entre o alumnado da Illa.
Esta actividade forma parte da medida de posta en valor do oficio incluída no Plan de Produción e Comercialización (PPeC) 2026 da OPP20, un plan cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
