A iniciativa reuniu durante os días 12 e 13 de setembro a dez establecementos da Illa de Arousa, con arredor de 4.000 tapas elaboradas con ameixa rubia e algas da Illa
A OPP20 celebrou os días 12 e 13 de setembro a IV edición de O Mar en Tapas, unha iniciativa desenvolvida a través da marca Marisco de A Illa para promocionar os produtos comercializados pola organización e achegar ao público novas formas de incorporalos á gastronomía.
Nesta cuarta edición participaron dez establecementos da Illa de Arousa, cada un cunha proposta diferente elaborada con ameixa rubia e algas da Illa. Para o desenvolvemento da campaña, a OPP20 distribuíu un total de 300 quilos de ameixa rubia, 30 quilos por establecemento, cos que se estima que se serviron arredor de 4.000 tapas durante as dúas xornadas.
Unha iniciativa para promocionar os produtos do mar
A IV edición foi inaugurada na sede da OPP20 coa participación do alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón; Juan José Rial, membro do Consello de Administración da OPP20; e outros membros da organización. No acto estivo tamén presente a concelleira de Educación e Igualdade do Concello da Illa de Arousa.
Durante a presentación púxose de manifesto o papel de O Mar en Tapas na promoción dos produtos comercializados pola OPP20 e, nesta edición, especialmente na posta en valor das algas e das súas posibilidades gastronómicas.
Isaac Rosón destacou o traballo desenvolvido pola OPP20 e a importancia deste tipo de accións para promocionar os produtos do mar e as persoas vinculadas ao sector. Pola súa banda, Luis Arosa incidiu na calidade do produto local e no potencial de iniciativas como O Mar en Tapas para contribuír á desestacionalización do turismo e á posta en valor do traballo das pescadoras, mariscadores e mariñeiros.
Toda a información sobre a inauguración e o desenvolvemento da primeira xornada pode consultarse na noticia publicada na web de Marisco de A Illa:
Boa acollida durante as dúas xornadas
A resposta do público marcou o desenvolvemento desta cuarta edición. Durante toda a fin de semana, persoas da propia Illa de Arousa e visitantes achegáronse aos dez establecementos para coñecer e degustar as diferentes propostas.
As impresións recollidas directamente entre o público polo persoal encargado das redes sociais de Marisco de A Illa amosaron unha valoración xeral moi positiva das tapas participantes.
O público foi tamén o encargado de puntuar as dez elaboracións para decidir a mellor tapa da IV edición. Unha vez realizado o reconto das valoracións darase a coñecer a proposta gañadora, ademais de realizarse o sorteo dun lote de Marisco de A Illa entre as persoas participantes.
O balance completo das dúas xornadas está dispoñible na web de Marisco de A Illa:
O Mar en Tapas pecha a súa cuarta edición con arredor de 4.000 tapas servidas na Illa de Arousa
A boa acollida desta cuarta edición reforza a continuidade dunha iniciativa que combina promoción dos produtos do mar, gastronomía e colaboración coa restauración local, deixando xa aberta a porta á celebración dunha V edición de O Mar en Tapas en 2027.
O Mar en Tapas é unha acción desenvolvida pola OPP20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización, cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e conta coa colaboración do Concello da Illa de Arousa.
