- A OPP20 participa no proxecto HISARUM para a repoboación da alga parda Himanthalia elongata coñecida como correa ou espaqueti de mar.
- Tamén foron obxecto do estudo realizado as algas Sargassum muticum, coñecida como wakame, e a Undaria pinntifida.
- O proxecto resultou nunha gran oportunidade para conservar e potenciar este recurso.
A OPP20 participou este ano 2023 no proxecto HISARIUM, onde tamén participaron as Cofradías de Ribadeo e de Cangas, así como o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigacións Mariñas de Corón (CIMA) da Xunta de Galicia.
O proxecto, nacido no marco de REDEMAR (Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia), tivo por obxectivo contribuír á sustentabilidade da explotación deste importante e peculiar recurso mediante a determinación de técnicas de aproveitamento, conservación, protección e xestión sostible.
A OPP20 foi convidada a participar pola importancia do recurso Himanthalia elongata para a organización, que só en 2023 supuxo unha recolección de algo máis de 40 toneladas e un importe de vendas en lonxa de algo máis de 21.000 €. Esta especie autóctona das nosas costas está nos últimos anos mermando a súa poboación, debido ó cambio global, á depredación, á explotación non axeitada e á súa peculiar bioloxía.
O estudo consistiu en establecer o estado previo das poboacións desta alga, así como de Sargassum muticum (wakame) e Undaria pinnitifida por ser algas invasoras que ante merma da Himanthalia elongata se atopan en expansión nas nosas costas, urxindo así a que as administracións tomen cartas no asunto e protexan as comunidades costeiras que sustenta as especies de algas ameazadas para evitar a súa perda.
Persoal da OPP20 fixo mostraxes no litoral da Illa de Arousa e recompilación de datos das poboacións de algas que xa estaban en poder da organización en zonas previamente escollidas atopando grandes poboacións de ambas algas invasoras, comprobando que o wakame ocupa grandes áreas das zonas estudadas, mentres que a correa case non aparece. As áreas seleccionadas foron en Punta Carreirón, Punta Quilma e Punta Aguiuncho.
Para localizar as principais poboacións de correa e os puntos nos que se detecta unha recesión das mesmas, fíxose unha prospección polo litoral da Illa, para o cal serviron de guía mostraxes de algas realizadas en anos anteriores polas Asistencias Técnicas, así como datos actuais e pasados dos propios recolectores, que contan con observacións diarias das poboacións e ampla experiencia ó longo dos anos. Isto axudou ó equipo investigador da Universidade para escoller o punto máis axeitado para o desenvolvemento dun sistema de sementeira con embrións de H. Elongata para reincorporación ou reforzo das súas poboacións no medio natural. Neste mesmo punto fíxose a recollida de reprodutores para inducir no laboratorio a obtención de embrións.
Tamén se utilizaron drons para avaliar o estado dos recursos e analizar a estrutura das poboacións de macroalgas mediante a anclaxe ó mesmo dunha cámara submariña nas mesmas áreas de mostraxe a pé na baixamar.
A sementeira de embrións obtidos no laboratorio realizouse con éxito nas mareas equinocciais de setembro, concretamente o 29 e 30 dese mes, obténdose grandes avances nas técnicas de sementeira e recuperación da especie obxectivo, H. elongata, polo que se está ante unha gran oportunidade para conservar e potenciar este recurso.
A participación da OPP20 neste proxecto é parte do PPeC 2023 da OPP20, cofinanciado polo FEMPA e pola Xunta de Galicia.
