A lonxa do porto do Xufre rexistrou a venda de máis de 219.000 quilos de marisco e algas durante o primeiro semestre de 2025. Os datos, recompilados pola OPP20, reflicten a estabilidade da actividade marisqueira na Illa de Arousa, cunha ampla variedade de especies procedentes do marisqueo a flote e por mergullo.

Cómpre destacar que o marisqueo a pé estivo en período de descanso ata o mes de xuño, polo que a maior parte das vendas deste semestre corresponden a produtos extraídos desde embarcación e mediante mergullo profesional.
A especie máis comercializada neste período foi, con diferenza, a ameixa xaponesa, con 185.938 quilos vendidos entre xaneiro e xuño. Séguena o berberecho, con 12.459 quilos, e a ameixa babosa, con 7.076 quilos. A listaxe complétase co carneiro (4.113 kg), a ameixa fina (2.127 kg), a ameixa rubia (1.175 kg), a navalla (1.536 kg), o longueirón (1.105 kg), o reló (1.349 kg) e o camarón (617 kg).
Ademais destas especies, tamén se incluíron nas vendas produtos como o codium e a leituga de mar, cun peso total aproximado de 1.700 quilos no conxunto de produtos clasificados como “outras especies”.
Comunicación directa coas persoas consumidoras
Os datos confirman a importancia económica e social do marisqueo na Illa e o papel da lonxa como punto neurálxico da comercialización. No marco do seu Plan de Produción e Comercialización 2025, a OPP20 está a desenvolver accións de comunicación directa orientadas a poñer en valor os seus produtos e dar a coñecer a súa trazabilidade dende a recollida ata a venda final.
Un exemplo é a nova sección en redes sociais “Que hai esta semana na lonxa?”, na que cada semana se informa das especies que se prevé comercializar, achegando así á cidadanía e á clientela profesional unha visión máis próxima da actividade marisqueira local.
A través destas accións, a OPP20 reafirma o seu compromiso cun modelo de pesca sustentable, transparente e vencellado ao territorio.
