A Organización de Produtores de Marisco da Provincia de Pontevedra (OPP20) celebrou a terceira edición da súa ruta gastronómica “O Mar en Tapas”, na que a ameixa rubia foi a gran protagonista. A entidade doou 297 kg deste marisco a 11 locais da Illa, que ofreceron tapas orixinais durante a fin de semana do 13 e 14 de setembro.

A inauguración contou coa participación da conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, e do alcalde da Illa, Luis Arosa. Os asistentes puideron visitar tamén a aula didáctica, o acuario e experimentar unha visita virtual ao mar.
O público participante puido degustar propostas únicas e participar nun sorteo de lotes de Marisco de A Illa, nunha acción que forma parte do Plan de Produción e Comercialización 2025 da OPP20, cofinanciado polo FEMPA e pola Xunta de Galicia, e coa colaboración do Concello da Illa de Arousa.
