A Organización de Produtores Pesqueiros da Illa de Arousa (OPP20) segue desenvolvendo durante o mes de setembro novas accións enmarcadas na súa liña de comunicación directa co consumidor, incluída dentro do Plan de Producción e Comercialización 2025. O obxectivo é seguir mellorando o coñecemento sobre a trazabilidade dos produtos procedentes do marisqueo a pé, a flote e por mergullo que se comercializan baixo a marca “Marisco de A Illa”.
Unha das accións máis destacadas segue a ser a publicación semanal en redes sociais da serie “Que hai esta semana na lonxa?”, onde se informa dos mariscos e algas que se prevé poxar na lonxa do Xufre. Esta iniciativa, xa consolidada desde o mes de xuño, permite manter informados tanto a consumidores como a restauradores e clientela habitual da lonxa.
Ademais, na web específica de Marisco de A Illa, na sección de colaboracións con establecementos comerciais e hostaleiros https://mariscodeailla.com/es/colaboraciones, pódese consultar o listado actualizado de locais que ofrecen produto da OPP20 adscrito a esta marca colectiva.
Durante este mes, a OPP20 tamén colaborou co divulgador especializado en pesca e gastronomía @Capitán Tarteras, quen visitou as instalacións e compartiu coa súa comunidade de seguidores como é unha poxa na lonxa do Xufre, así como as características do marisco da Illa e os métodos de extracción sostible que empregan as persoas asociadas á OPP.

Co obxectivo de reforzar a información ao consumidor durante as visitas guiadas e accións divulgativas, redimensionáronse tamén as fichas informativas sobre especies de marisco e algas creadas no ano 2024. Estes materiais, agora en formato A5, inclúen algunha especie adicional e repártense como apoio visual nas actividades educativas e de sensibilización impulsadas pola OPP20.
Todas estas accións forman parte da estratexia da OPP20 para poñer en valor a calidade e a orixe dos seus produtos, garantindo unha comunicación transparente e directa entre as persoas produtoras e o público consumidor, e que forma parte do seu Plan de Produción e Comercialización cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea.
