Durante os meses de marzo e abril de 2026, a OPP20 desenvolveu distintas publicacións divulgativas centradas no coñecemento dos ciclos biolóxicos de varias das principais especies comercializadas na Lonxa do Xufre, entre elas ameixa fina, ameixa rubia, ameixa babosa, ameixa xapónica, navalla ou camarón.
A través destas publicacións, difundidas dentro das accións de |OPP20TRAZABILIDADE, buscouse achegar á cidadanía información sobre os períodos reprodutivos, os procesos de maduración, as postas e os factores ambientais que condicionan o desenvolvemento das especies mariñas da ría de Arousa.
Comprender os ciclos biolóxicos resulta fundamental para a xestión responsable do marisqueo. Aspectos como os períodos de reprodución, a recuperación dos bancos ou a influencia da temperatura e da salinidade condicionan directamente a evolución do recurso e a planificación da actividade extractiva.
No caso dos bivalvos, coñecer os momentos de maior actividade reprodutiva permite adaptar mellor os períodos de explotación e contribuír á conservación das poboacións naturais. Nas especies máis sensibles ás variacións ambientais, esta información resulta especialmente importante en contextos marcados por episodios de choivas intensas ou alteracións da salinidade da ría.
A divulgación destes procesos tamén forma parte da trazabilidade. Ademais de garantir a identificación da orixe e do percorrido comercial do produto, a trazabilidade permite achegar información sobre as especies, o seu comportamento no medio natural e a relación entre actividade extractiva e conservación do ecosistema mariño.
A través destas accións, a OPP20 continúa apostando pola difusión do coñecemento mariñeiro e pola valorización do traballo desenvolvido arredor do marisqueo e dos recursos mariños da Illa de Arousa.
Esta acción enmárcase no PPeC 2026 da OPP20, cofinanciado pola Xunta de Galicia e o FEMPA, dentro das accións divulgativas de |OPP20TRAZABILIDADE.
