As algas son un dos recursos máis importantes para os produtores e produtoras da OPP20. Recóllenas mediante mergullo con subministro de aire en diferentes zonas da costa que rodean A Illa de Arousa. Deixamos a continuación máis datos de tres destacadas deste comezo de ano.
GRACILARIA
![]() |
![]() |
Alga de cor vermella a púrpura e de tamaño medio ata 30cm. Suxéitase ao substrato mediante un disco basal do que medran láminas grosas que se van dividindo en forma de abanico. Reprodúcese de forma asexual presentando dous picos de crecemento, un a principios de primavera e outro a finais de verán. RECÓLLESE DURANTE TODO O ANO.
É unha alga rica en magnesio, calcio, ferro e fósforo. A alga Gracilaria ten un alto contido en fibra, é fonte de proteínas e contén todos os aminoácidos esenciais. Tamén é unha fonte de vitaminas de gran importancia como as do complexo B.
Aparece tanto no mesolitoral, en áreas semiexpostas ou protexidas da oleaxe, como no infralitoral ata os 15m de profundidade, e soporta a presencia de area e variacións da salinidade. TEN UN TOPE DIARIO POR PRODUTOR-A DE 250KG/DÍA
WAKAME
![]() |
![]() |
Alga parda de orixe asiática con cor pardo-dourada escura que pode chegar a medir máis de 1,5 metros. Fíxase ao substrato mediante un rizoide, do que sae un estipe aplanado que pode chegar a medir 3 cm de ancho e que é o nervio central da alga. RECÓLLESE EN INVERNO E PRIMAVERA.
A alga wakame é rica en proteínas, fibra, vitaminas e minerais, coma o calcio, magnesio, iodo, ferro, fósforo e zinc. Tamén posúe un baixo contido en graxas e azúcares asimilables, o que a converte nun alimento altamente saudable.
Aparece en outono sobre as rochas do litoral e infralitoral das costas moderadamente expostas, desenvolvéndose en inverno e comezos de primavera para desaparecer no verán. NON TEN TOPE DIARIO.
KOMBU
![]() |
![]() |
Alga parda atlántica cunha lámina palmeada, dividida en varias cintas, que son a parte comercial, que nacen dun longo, cilíndrico e liso estipe firmemente fixado ás rochas por uns rizoides. Pode medir ata 3m de lonxitude. RECÓLLESE DURANTE TODO O ANO.
Pola súa riqueza en ácido glutámico potencia o sabor dos alimentos cos que se prepara e ten tamén gran capacidade espesante polo seu alto contido en fibra soluble (ácido alxínico). É rica en minerais como o calcio, magnesio e o iodo, en proteínas e vitaminas.
Especie perenne que vive no infralitoral inferior, en bosques submariños extensos nas costas rochosas e batidas polas ondas. As láminas córtanse por enriba da súa base. TEN UN TOPE DIARIO POR PRODUTOR-A DE 250KG/DÍA.
TODAS AS ALGAS DA OPP20 ESTÁN ABALADAS POLO SELO CRAEGA DE AGRICULTURA ECOLÓXICA.
Acción enmarcada no Plan de Produción e Comercialización 2024 da OPP20, cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea.






