A ouxa é unha raia coñecida tamén como aguia mariña e co nome científico de Myliobatis aquila. Está incluída no listado de especies vulnerables e polo tanto protexidas da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). Sen embargo, podemos encontrala en altas concentracións nas Rías Baixas, incluíndo a Ría de Arousa e polo tanto os arredores da Illa, onde a OPP20 realiza a súa actividade.
Atopámonos ante unha especie sen interese comercial, que sen embargo os mariñeiros e mariñeiras encontran nas súas artes de pesca coa consecuente necesidade de devolvela ó mar por ser especie vulnerable e de alta supervivencia, correndo perigo pola súa virulencia. Ten un aguillón na cola que usa para defenderse, e que pode causar graves feridas a quen se atreve a tocala porque é velenoso.

Pero isto non é o peor desta especie que invade as rías galegas, senón a súa voracidade. Son un dos principais depredadores de ameixa e berberecho. En particular gusta moito da babosa, unha especie de por si delicada no seu crecemento, podendo chegar a botar a perder bancos enteiros de semente desta especie.
Esta problemática, que leva xa máis dunha década afectando ó sector marisqueiro galego, non parece ter unha doada solución. En 2007 aparecen as primeiras investigacións da Consellería do Mar, e non é ata o ano 2021 que dende esta administración se recoñece que este animal está xa fóra de control nas nosas rías.
As Confrarías non lograron articular ningún plan de choque concreto dende que en 2014 comezaron a abordar esta problemática de forma conxunta. Fálase de converter a ouxa nun recurso pesqueiro máis, para realizar certo control sobre a súa poboación, pero ó non ter interese comercial, o esforzo a realizar para o seu aproveitamento unha vez en terra sería complexo. Ó mesmo tempo, ó estar no listado de especies vulnerables, habería que realizar un plan de explotación do recurso acorde coa situación na que se atopa en Galicia.
Coas riadas que houbo este ano e o pasado polas altas precipitacións acaecidas, a problemática incrementouse, facendo medrar os bancos desta especie na Ría de Arousa. Así, dende a OPP20 denunciouse en varias ocasións esta situación, e crese que dende a Consellería do Mar deben buscar unha solución a esta praga para o sector. Unha proposta podería ser, por exemplo, un traslado de bancos de ouxa a outros lugares da costa, fóra das rías, onde o sector marisqueiro non se vexa afectado. Este traslado podería levarse a cabo polos propios mariñeiros e mariñeiras nas súas embarcacións despois de recollelas con diferentes artes de pesca para os seu traslado seguro pola súa alta supervivencia.