Durante o mes de maio, a OPP20 desenvolveu un total de 6 xornadas de talleres de cociña co alumnado do CEIP Torre Illa, nas instalacións da Lonxa do Xufre. A actividade forma parte das accións incluídas no Plan de Produción e Comercialización 2025 da organización, centradas na divulgación do marisqueo e na posta en valor dos produtos locais.
Dirixidos a escolares de Educación Primaria, os talleres permitiron que máis de 200 nenos e nenas coñeceran de preto o valor do mar e o traballo das mariscadoras e mariscadores da Illa de Arousa, ao tempo que aprendían a cociñar con marisco e algas procedentes da OPP20.
As xornadas
Os obradoiros realizáronse en tres semanas consecutivas:
-
6 de maio → 6º de Primaria (35 participantes)
-
7 de maio → 5º de Primaria (33 participantes)
-
8 de maio → 4º de Primaria (20 participantes)
-
21 de maio → 3º de Primaria (31 participantes)
-
22 de maio → 2º de Primaria (37 participantes)
-
23 de maio → 1º de Primaria (36 participantes)

Un menú mariñeiro para todos os públicos
Durante os talleres, os grupos elaboraron receitas sinxelas, saudables e creativas, sempre baseadas en produtos frescos da OPP20:
-
Panipuris recheos de ameixa rubia
-
Pizza con masa de wakame
-
Espagueti de mar rebozado
Estas elaboracións permitiron traballar co alumnado contidos relacionados coa trazabilidade, o medio mariño, a alimentación consciente e o respecto pola biodiversidade local.
Educar desde a cociña, co mar como protagonista
A través destes talleres, a OPP20 reforza o seu compromiso coa educación mariñeira e a divulgación entre os máis pequenos. Esta acción únese á estratexia de comunicación da organización, que busca achegar o produto mariño da Illa á cidadanía desde a sustentabilidade, a transparencia e o orgullo polo oficio.
As sesións foron compartidas nas redes sociais da OPP20:
Instagram / Facebook / X (Twitter) → @opp20
Máis info sobre esta e outras accións: www.opp20.com
