O pasado sábado 23 de maio, profesionais da OPP20 sementaron un millón de unidades de ameixa xaponesa de entre 15 e 18mm nos bancos marisqueiros de a flote e de a pé onde habitualmente se recolle esta especie en gran abundancia. Tamén se selecciónan algunhas zonas onde exista especial interese de repoboación por ter tido menor produción nas últimas recoleccións.
Para sementar nos bancos de marisqueo a flote, desprazouse persoal con semente ós lugares elixidos, nas lanchas da OPP20. Unha vez no lugar, a ameixa foi lanzada dende as embarcacións á auga, onde irá caíndo pola columna de auga ata o fondo mariño, onde asentará no fondo grazas á acción das correntes que lle permitirán ir enterrándose. Evitáronse zonas con alta produción de algas, xa que impiden a supervivencia do marisco.

No caso dos bancos de marisqueo a pé, faise coa marea baixa. Comézase traballando a area da zona elixida para que non estea tan compacta. Logo deposítase a semente, e agárdase a que suba a marea e sexa a acción da auga ó subir a que vaia enterrando a ameixa no sustrato areoso de forma máis sinxela ó estar removido.

As sementeiras de marisco permiten a sustentabilidade da actividade marisqueira e do medio mariño.
Comentarios recentes