A OPP20 continúa durante 2026 coa iniciativa OPP20TRAZABILIDADE, unha acción centrada na valorización do produto mariñeiro da Illa de Arousa e na difusión da importancia da trazabilidade dentro do sector marisqueiro.
Durante o mes de xaneiro, a actividade na Lonxa do Xufre mantívose arredor de diferentes especies procedentes do marisqueo a pé e mergullo, achegando ao mercado produtos frescos e de proximidade ligados á ría de Arousa.
Entre as especies comercializadas ao longo destas semanas destacaron ameixa fina, ameixa babosa, ameixa rubia e ameixa xaponesa, ademais doutras especies características como berberecho, reló, carneiro e camarón.
Xunto aos bivalvos e mariscos, tamén estiveron presentes diferentes algas mariñas como wakame, kombu, leituga de mar e correa, produtos cada vez máis utilizados na gastronomía e na promoción dos recursos mariños galegos.
A través das publicacións semanais de “Que hai esta semana na lonxa?”, a OPP20 continuou mostrando parte da actividade diaria da Lonxa do Xufre e dos produtos comercializados baixo sistemas de control e trazabilidade que permiten coñecer a súa orixe e procedencia.
Ademais, durante o mes de xaneiro desenvolvéronse diferentes publicacións divulgativas centradas no coñecemento das especies comercializadas na lonxa, abordando cuestións relacionadas cos seus ciclos biolóxicos, períodos reprodutivos e características principais, co obxectivo de achegar información útil e accesible á cidadanía.
A iniciativa OPP20TRAZABILIDADE continuará ao longo de 2026 con novas accións de información e sensibilización arredor do marisqueo, do produto local e do traballo diario das persoas que forman parte do sector mariñeiro da Illa de Arousa, e está enmarcada no PPeC 2026 da OPP20 cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA.
